A restauración do Pórtico da Gloria, acometida entre 2006 e 2018, foi un dos proxectos máis ambiciosos, longos e complexos aos cales a Fundación Barrié se enfrontou nos últimos anos. O obxectivo último foi impulsar o concepto de que “a mellor estratexia de conservación é a educación” e traballar para concienciar á sociedade de que a conservación do Patrimonio ha de ser unha responsabilidade compartida de todos.
É por iso que a Fundación Barrié segue a traballar na divulgación deste proxecto, utilizando as ferramentas máis innovadoras ao seu alcance como a imaxe gigapíxel que aquí se presenta e que permite, por primeira vez, explorar detalles do conxunto inalcanzables a simple vista.
Imaxe gigapíxel Pórtico da Gloria ©Fundación Barrié
A dixitalización en súper-alta resolución –gigapíxel– dos aproximadamente 200m2 que compoñen o monumento requiriu 14 horas ininterrompidas de captura durante as que se tomaron máis de 2.700 fotografías con ROB, o robot gigapíxel intelixente.
A imaxe é complementada con pequenas narrativas en forma de “storytelling” interactivo, que falan da iconografía do Pórtico, dos materiais e técnicas utilizadas, os instrumentos que aparecen nel ou do complexo proceso de conservación e restauración acometido.
Esta imaxe foi tomada en xullo de 2020 mentres outras áreas da Catedral seguían sometidas a intensos traballos de restauración. É por iso que o Pórtico da Gloria se amosa encapsulado como medida preventiva temporal da súa conservación. Quixemos amosar o monumento tal e como o visitante o pode ver nestes momentos.
DESPOIS E ANTES DA RESTAURACIÓN
Ver o despois e antes destas figuras non é só unha oportunidade para comprendermos o alcance do proxecto de restauración, é tamén unha viaxe no tempo arredor de dous paradigmas: a escultura polícroma que dominou a meirande parte da historia da arte e a escultura monocroma que tanto o renacemento italiano como os paradigmas románticos nos acostumaron a ver, unha forma de reeducar o noso gusto cara ao apreciación da verdadeira cor da Idade Media e do Románico.
INSTRUMENTOS 3D
Nun proxecto multidisciplinar sen precedentes, a Fundación Barrié construíu reproducións dos instrumentos do Pórtico da Gloria en madeira, traballando fielmente sobre os modelos esculpidos polo Mestre Mateo. Nesta App amosamos unha escolma destes instrumentos en formato 3D Photo para que os poidas xirar e apreciar na súa totalidade. Esta sección compleméntase cun storyline sobre os instrumentos no cal se poden escoitar os seus sons, tal e como soarían no século XII.
Second Canvas app
Trátase dunha ferramenta innovadora que permite explorar o Pórtico da Gloria en súper-alta resolución como nunca antes se vira. Descubre, aprende e divírtete coas historias contadas polos expertos a través dos storylines, detalles da restauración e as reconstrucións 3D de instrumentos musicais presentes no conxunto.
Características principais:
- Súper-zoom para explorar o Pórtico da Gloria coa mellor calidade posible grazas á resolución gigapíxel.
- Narrativas sobre figuras destacadas e detalles do pórtico, a súa simboloxía, as causas da deterioración, a intervención, … mesmo escoitar como soan os instrumentos que aparecen nel.
- Audio-tour que percorre o pórtico e os seus detalles, vídeos explicativos etcétera.
- Visión de despois e antes da restauración en zonas e elementos chave para entender o alcance do traballo realizado.
- Reprodución en 3D dos instrumentos que aparecen no pórtico, con explicación interactiva das súas características e elementos.
- App de balde dispoñible en castelán, galego e inglés.
- Tanto para iOS (iPhone e iPad) como para smartphone e tableta Android.
DESCARGA A APP DE BALDE DENDE
Second Canvas Pórtico da Gloria © Fundación Barrié, 2020
Imaxe gigapíxel Pórtico da Gloria ©Fundación Barrié
Instrumentos Pórtico da Gloria 3D ©Fundación Barrié
Imaxes do despois da restauración do Profeta Daniel; Evangelista San Marcos; Profeta Oseas; Profeta Joel e Apóstol San Pablo ©Fundación Barrié e Fundación Catedral de Santiago